Deportes

NA PRIMEIRA FUTGAL VÍRONSE RESULTADOS DE TODAS AS CORES

Esta fin de semana viviuse a vixésimo quinta xornada da Primeira Futgal na que os equipos da comarca sumaron vitorias e derrotas. No grupo 5 o Puebla confirma o seu dominio e segue líder tras vencer ao Marcón Atlético. O derbi comarcal entre o Unión e o Valiño quedouse en Rianxo, mentres que o Taragoña caeu ante o Marín, complicándose a permanencia.

O Puebla non dá marxe aos seus rivais e segue a encadear triunfos, nesta ocasión fíxose co cuarto seguido ante o Marcón Atlético, décimo terceiro. A Alta acolleu este choque que rapidamente se decantou do lado dos locais. O conxunto adestrado por Chofri quería o balón e tras varias aproximacións á área rival chegou o seu premio. No 26 o Marcón cometeu penalti e Hugo Suárez non errou dende os 11 metros para adiantar ao Puebla, 1-0 co que se chegou ao descanso. Os pobrenses saíron cunha marcha máis e menos dun minuto despois da continuación do partido Álvaro Facal converteu o 2-0. O Marcón intentou sen éxito acurtar distancias e os de Chofri sumaron tres puntos máis para afianzarse no liderado e avantaxar en 12 puntos ao segundo, o Unión.

Os vermellos tiñan ante si unha complicada papeleta xa que se medían ao Valiño nun derbi comarcal moi agardado. O inicio estivo igualado pero pasado o primeiro cuarto de hora de xogo Pablo Reboiras aproveitou unha gran chegada local para bater a portería dos de Cabo de Cruz, 1-0 que desequilibrou a balanza cedo. O Valiño buscou de todas as maneiras atopar o oco na defensa rival para poñer novamente as táboas, pero o desacerto e o bo facer dos de Asados non lle deron opcións. E o 1-0 luciu no marcador ata o asubío final. Tres puntos máis que suma o Unión, que segue segundo e avantaxa en tres ao terceiro, o Cordeiro, mentres que o Valiño queda no décimo lugar con cinco puntos de marxe co descenso.

O que se afunde cada vez máis na zona vermella é o Taragoña. Os de Rianxo enfrontáronse a un rival directo pola permanencia, o Marín, que os superou no seu feudo. Os xogadores do Taragoña sabían que se estaban xogando uns puntos importantísimos e foron quen de igualar forzas e plantarlle cara os da comarca do Morrazo polo que se chegou ao descanso co 0-0. Sen embargo viviuse outro entro logo do paso por vestiarios. No 47 subiu ao marcador o primeiro tanto do Marín, que coidou a súa vantaxe ante as acometidas do Taragoña, e no 92 marcou o segundo gol da tarde para poñer o definitivo 2-0. Con esta derrota os rianxeiros afúndense no último lugar do grupo 5 e teñen a zona da permanencia a oito puntos.

Mentres que no grupo 2 a Esteirana caeu no seu encontro co San Lorenzo, penúltimo clasificado. O duelo comezou de cara para os muradáns xa que acababa de comezar o duelo canto Roberto Lago abriu a lata. Sen embargo os locais igualaron o marcador no minuto 14. Non contentos con isto insistiron e antes da media hora de xogo déronlle a volta ao marcador e marcháronse aos vestiarios co 3-1 que subiu ao electrónico no 45+1. A Esteirana quería volver a meterse en partido e o conseguiu no 65 co tanto de Carlos Rama, aínda que apenas tres minutos despois o San Lorenzo respondeu co que sería o definitivo 4-2. Nova derrota da Esteirana que é décimo segunda e ten o descenso a sete puntos.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.