Vitoria aplastante do CD Boiro ante o Polvorín. 5 a0 foi o resultado co que os de José Tizón conseguir atopar dunha vez por todas a sintonía con Barraña.
O feudo boirense chegaba a este partido con moita intriga para ver se os seus estarían á altura do encontro, e os xogadores non erraron. En menos de media hora xa tiñan os tres puntos no peto.
O CD Boiro leva toda a temporada tendo unha tarefa pendente coa eficacia de cara a portería, e onte ante o filial do Lugo demostraron que os seus atacantes teñen pólvora de sobra. De feito, as tres primeiras chegadas acabaron no fondo da rede.
Con dez minutos xogados Pedrosa encargouse de anotar un penalti provocado por el mesmo. Só pasaran tres minutos e había aínda afeccionados celebrando o primeiro tanto cando Sylla puxo o segundo cun gran remate de dereita.
Barraña aínda non era consciente da tarde que quedaba por diante, e para iso apareceu de novo Pedrosa con dous novos tantos, un no 24 e outro no 27. A falta de máis dunha hora de encontro, o Boiro xa tiña a vitoria case asegurada.
Dende ese momento os de Tizón encargáronse de frear as poucas chegadas dos lucenses con gran solvencia. Mario Prol foi o encargado de pechar a goleada cun gran tanto de zurda dende a frontal.
Un 5 a 0 que serve ao Boiro para disipar as dúbidas sobre o seu xogo. Tres puntos que os afastan un pouco máis da zona de descenso, da que seguro volverán buscar afastarse as semana vindeira cun novo triunfo ante o Betanzos.