O Rotogal comeza o mes de marzo cun reto ilusionante: pechar a fin de semana no segundo posto do grupo A da Superliga 2. Para iso deberá gañar a un dos equipos máis potentes da categoría, o Arona Playa de los Cristianos que o avantaxa en tres puntos.
O Boiro Voleibol leva en liña ascendente dende o seu debut nas pistas neste 2025, contando todos os seus partidos por vitorias. Pero non só chama iso a atención xa que están a despregar un gran xogo, sendo moi serios en defensa e certeiros en ataque, minimizando os seus erros e aproveitando os do rival para impoñerse. Grazas a esta dinámica positiva encadean seis vitorias seguidas onde só concederon dous sets ao equipo contrario, o que lles levou a ocupar o terceiro posto da táboa.
Agora reciben a visita do Arona, segundo clasificado que avantaxa aos boirenses en tres puntos, polo que un novo triunfo do Rotogal levaría ao equipo a poder ocupar postos de promoción de ascenso. Non será nada doado xa que os canarios son un dos equipos máis destacados da competición.
O Boiro Voleibol chega a este encontro con moi boas sensacións tras impoñerse no derbi galego ao Dumbría por 1-3. Nesta ocasión no outro lado da rede estará o Arona Playa de los Cristianos, que non perde dende a décimo cuarta xornada cando caeu por 3-0 co Textil Santanderina. Os canarios venceron no seu último encontro ao CID Jovellanos por un claro 3-0.
Pero a expectación protagonizará este duelo de altura da décimo oitava xornada. Os precedentes son positivos para o Rotogal xa que no encontro de ida os boirenses trouxeron de Tenerife un gran 0-3.
Mañá ás 19.00 horas A Cachada acollerá este agardado encontro entre o Boiro Voleibol e o Arona. Un choque que se prevé intenso e táctico do que sairá o segundo clasificado do grupo A da Superliga 2.