Continúa a Primeira Futgal con diferentes encontros atractivos para os amantes do balonpé. O grupo 5 vivirá un novo derbi comarcal, nesta ocasión protagonizado polo Taragoña e o Puebla, dous equipos que chegan en dinámicas opostas. O Unión defenderá o seus segundo posto no campo do Ribadumia mentres que o Valiño buscará volver a sumar ante o Caldas.
O campo de A Lomba acollerá este sábado un encontro intenso entre dous equipos que ocupan posicións dispares na táboa. Por un lado está o conxunto local, último clasificado, que recibe a visita do líder en solitario, o Puebla. Os rianxeiros afrontan este duelo nunha situación complicada e de urxencia xa que son o farolillo vermello e a permanencia está a cinco puntos, polo que precisan sumar. No seu último encontro igualaron forzas co San Adrián, un punto insuficiente. Mentres que o Puebla venceu nun disputado encontro ao Soutomaior. Mañá sábado ás 18.00 horas Taragoña e Puebla veranse as caras na Lomba.
O Unión, segundo clasificado empatado a puntos co Cordeiro, non ten marxe de erro se quere pechar a xornada no mesmo lugar. Os vermellos xogan lonxe do municipal de Vilas, concretamente na Senra onde se medirán a un duro Ribadumia, quinto clasificado. Agárdase un encontro intenso e disputado entre dous aspirantes á promoción do ascenso. Os de Asados chegan en boa dinámica logo de gañar por 3-0 ao Vilaboa, mentres que o Ribadumia tamén superou ao Caldas na anterior xornada. Os dous aspirantes veranse as caras mañá sábado a partir das 18.00 horas no campo da Senra.
E o Valiño contará co arroupo da súa afección para romper a súa xeira negativa de resultados. Os de Cabo da Cruz son décimos non coñecen a vitoria dende hai sete xornadas e agardan sumar de tres esta fin de semana ante o Caldas, décimo cuartos. O Valiño caeu no seu último encontro pola mínima na casa do Marín e o seu rival desta fin de semana foi superado polo Ribadumia. O campo de Valiño albergará este encontro entre o conxunto local e o Caldas que se xoga mañá sábado a partir das 17.00 horas.
Mentres que no grupo 2 a Esteirana verase as caras co Muxía. Os muradáns son agora mesmo duodécimos e teñen unha marxe de nove puntos co descenso polo que non se poden relaxar. Suman dous empates seguidos, o último no seu duelo co Bastavales. O seu rival, o Muxía, ocupa o sétimo lugar da táboa e chega con gañas de vencer logo de caer no seu enfrontamento co Club do Mar. Mañá a Esteirana e o Muxía mídense no Xosé Luis Vara por tres importantes puntos. Choque que comezará ás 17.00 horas.

