Deportes

XORNADA DE SUFRIMENTO PARA OS EQUIPOS DO BARBANZA NA PRIMEIRA FUTGAL.

O Puebla sufriu máis do esperado para superar ao Soutomaior por 2 a 1. Chegaban como primeiros clasificados e favoritos claros a gañar o encontro, pero a acción do verde non foi acorde á clasificación. Os visitantes adiantáronse no 51, pero un dobrete de Bendaña con tantos no 65 e no 82 sentenciou ao Soutomaior para deixar os tres puntos na Alta. Con este resultado o Puebla segue líder do Grupo 5 cunha amplia marxe sobre os segundos.

Unha segunda posición que segue mantendo o Unión grazas ao triunfo por 3 a 0 ante o Vilaboa. Coa necesidade de gañar para manter a segunda praza, os de Asados liquidaron a un rival ata o momento inmerso na loita por entrar na fase de ascenso. Os goles de Chuso, Jorge e Saviola deleitaron aos afeccionados no Municipal de Vilas para dar a vitoria aos rianxeiros e situalos con 45 puntos no segundo posto empatados co Cordeiro.

Na décima posición segue o Valiño, que este domingo caiu por 2 a 1 no campo do Marín. Malia adiantarse no 57 cun tanto de Marouane, os de Cabo non puideron manter a ventaxa, concedendo dous penaltis, un deles no 94, que fixeron remontar o partido para os locais.

O pechacancelas do grupo 5 segue sendo unha semana máis o Taragoña, que non puido aproveitar o tropezo do Soutomaior na Pobra. Visitaban o campo do San Adrián, equipo tamén en descenso, coa intención de sumar de tres e superalos na táboa. O empate a uns certificou o reparto de puntos, que os fai seguir ocupando a última posición.

No grupo 2, a SD Esteirana conseguiu rescatar un punto da súa visita ao Bastavales cun tanto no último minuto. O empate a uns sérvelles aos muradáns para manter a décimo segunda praza con 26 puntos.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.