Deportes

BOIRO E NOIA FIRMAN O EMPATE A CEROS NUN ENCONTRO QUE TIVO DE TODO MENOS GOLES.

Había ganas de derbi no Barbanza e Barraña así o demostrou. As gradas estaban a rebosar coa expectación dun dos partidos máis agardados do ano.

O control do partido foi para os locais dende o inicio, e alentados polo seu público fixéronse co dominio do balón. A primeira foi para Yago García, que enviou alto un complicado remate. Sylla foi o protagonista nas seguintes ocasións, que cunha cacholada e un disparo desviado a pase de Prol xerou perigo na área noiesa. Con todo, a máis clara foi de novo para Yago García, que a piques estivo de adiantar ao Boiro de non ser por unha gran parada de Chema.

O arqueiro noiés foi providencial para os seus o que quedaba de primeira parte, xa que con outras dúas paradas a Yago García e outra a Diego foi quen de manter a portería a cero.

O segundo acto estivo marcado polos cambios en ambos conxuntos, que deron aire fresco ao encontro. Onde máis se notou foi no lado noiés. Losada, Izan e Facu Moreyra, os tres entrados na segunda parte, tiveron a máis clara para os seus cun remate forzado do dianteiro.

Cando parecía que ao encontro só lle faltaban goles, chegou a polémica a Barraña. A cinco minutos do 90, Piñeiro caiu na área do Noia, clamando así toda a grada local contra o árbitro reclamando penalti. O colexiado non apreciou falta e nuns intres os visitantes plantáronse ante Borja Rey, pero Losada enviou o coiro fóra.

Con todo, a última do encontro tívoa Mario Prol para o Boiro, que cruzou demasiado o seu chut ante Chema.

O pitido final confirmou o reparto de puntos, suficiente polo momentos en ambos equipos para manter as súas expectativas. O Noia continúa sexto con 33 puntos a seis da fase de ascenso, e o Boiro décimo quinto con 22 puntos a un do descenso.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.