O martes rematou cunha nova inesperada para os veciños de Aguiño e de Ribeira. A Comisión de Festas de Aguiño, que entre outras celebracións organiza a Festa da Xuventude, a do Carme e a da Navalla, anunciou mediante un comunicado o seu cese e explicou as súas razóns. O colectivo recorda que o 4 de febreiro o concelleiro de Festexos, Francisco Suárez-Puerta, comunicoulles que era súa a responsabilidade de solicitar directamente os permisos a Portos, cando antes o facía directamente o concello. Lamentan a tardanza desta notificación e os custos que implicarían para a entidade xa que por cada metro cadrado Portos de Galicia esixe unha fianza de tres euros.