O xoves o Groinn Sta Baia iniciou a súa andadura na Copa do Rei 3×3 organizado pola Liga Endesa coa ilusión de facerse co prezado campionato. E onte o conxunto boirense gañou o título logo de firmar un torneo sobresaínte no que só perdeu un encontro.
Os barbanzáns foron a gran historia desta Copa 3×3 xa que foron superando problemas físicos e lesións durante os catro días que se celebrou esta competición en Gran Canaria. José Santonja, Ion Galarza, Mario López e Miguel López, apoiados na distancia por Satu Ferreiro, firmaron un torneo para enmarcar, logrando o ansiado soño de ser campión.
Comezaron o seu camiño gañando de forma agónica ante o Argos Bats antes de impoñerse con máis claridade ao Loriguilla. Pero non puideron co Valencia Basket no último partido da fase de grupos, quedaron terceiros e citáronse nos cuartos de final co Mérida. O conxunto de Boiro non deu opcións impoñéndose por 11-22 para meterse nas semis, onde se mediron de novo ao Argos Bats. O dominio do Groinn foi incontestable, impoñendo o seu físico e maior bagaxe competitivo para meterse na final por 21-11.
Na pelexa polo título os branqui verdes enfrontáronse a un dos mellores equipos do circuíto: o Bbal Center. Sen embargo non puido contrarrestar a maior enerxía e físico do Groinn Sta Baia que tomou o mando da final dende o inicio e se impuxo con notable claridade por un 21-11.
Alzando a Copa logo de amosar sobre a pista da gaiola unha versión excelente. Así rematou o Groinn Sta Baia a súa primeira andadura na Copa do Rei 3×3.