Deportes

NOVA XORNADA NA SEGUNDA FUTGAL CON EQUIPOS DO BARBANZA METIDOS NA LOITA POLO ASCENSO, E OUTROS POLA PERMANENCIA.

Coa xornada 17 aínda sen xogar por mor da borrasca Herminia, os equipos da comarca afrontan xa a décimo oitava. Os mellores situados son os xogadores do Abanqueiro, na terceira posición a só dous puntos de Agrón e Racing San Lorenzo, equipos que marcan a fase e o ascenso directo, respectivamente. Os boirenses mediranse ao mellor rival posible, a SD Esclavitud, últimos con 9 puntos. Atópanse así ante unha oportunidade de ouro de asaltar os postos de promoción.

Os cuartos clasificados son o Sporting Lampón, que este domingo se miden ao Victoria a domicilio. Con 26 puntos, están máis que asentados na zona media, e atópanse a sete do ascenso. Unha distancia longa pero non imposible de recortar, máis aínda visitando aos décimo segundos esta fin de semana.

O partido máis complicado da xornada xogarao o Xuventú Aguiño, que recibe na Tasca ao líder, o Racing San Lorenzo. Os locais acumulan 26 puntos, sete por debaixo dos rivais do domingo. Chegan ao encontro nunha xeira inmellorable, con 12 puntos dos últimos 12 posibles e dispostos a tumbar aos primeiros clasificados.

Ao Aguiño ségueo o Atlético Oleiros con 25 puntos, que este domingo se medirá no Anexo do Julio Mato ao Cruído. Os de Ribeira chegan na metade da clasificación con nove puntos dos últimos 15. O filial do Noia atópase na loita pola permanencia, con 17 puntos, catro por enriba da relegación, e suman os seus últimos cinco encontros por derrotas.

O Lesende medirase ao Queiruga este domingo na busca de tres puntos que os asenten na media táboa. Ocupan a novena posición e unha vitoria podería supoñer escalar ata 4 postos. Os sonenses chegan coa necesidade de sumar de tres ante a ameza do descenso. Os últimos dous empate fixéronlles gañar unha marxe de tres puntos, e unha vitoria o domingo poñería máis terra de por medio.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.