Logo do paso da borrasca Herminia por Galicia regresa o fútbol. As alertas por mal tempo obrigaron a suspender os encontros que se ían celebrar o domingo polo que os equipos regresan esta fin de semana á competición. No caso da Primeira División Feminina Arzúa Ulloa dispútase a xornada 18 na que o EFM Concello de Boiro visita ao Atlético Arousana. E o fai cun obxectivo claro: conseguir os tres puntos para seguir na loita polo liderado da liga.
As boirenses chegan a este encontro no terceiro lugar da táboa, empatadas a puntos co Orzán, segundo, e a un do líder, As Celtas, e precisan a vitoria para non descolgarse da pelexa polos primeiros postos. Nesta ocasión o conxunto adestrado por Miguel Ángel Ramos mídese ao Atlético Arousana, un rival a priori accesible xa que é o penúltimo clasificado. No encontro de ida o Boiro amosou a súa superioridade e venceu as arousás por 5-0.
As boirenses non puideron medirse a pasada fin de semana ao Umia, encontro que se disputará o dous de marzo, polo que chegan a este duelo co Atlético Arousana coa moral alta logo da vitoria máis recente ante o Escuela Amistade. Rival ao que o Boiro venceu por 1-12. Mentres que as arousás caeron pola mínima ante o Victoria FC “B”, rival directo pola permanencia.
Este domingo o campo da Lomba acollerá o duelo entre o Atlético Arousana e o EFM Concello de Boiro. O esférico comezará a rodar ás 17.30 horas.