Deportes

UN BOIRO EXCEPCIONAL NON FOI RIVAL PARA UN VIGO VOLEIBOL IRRECONOCIBLE

O Rotogal estreou o ano cunha gran vitoria ante a súa afección e diante dun duro rival, o Vigo Voleibol. Os boirenses amosaron unha gran versión para impoñer a súa lei e parar en seco aos visitantes no primeiro derbi do 2025 na Cachada e gañar por un claro 3-1. O mellor xogador do choque foi Janluar Figueroa, sobresaínte, que pechou o derbi con 21 puntos no seu haber.

O parqué da Cachada acolleu un inicio do partido igualado, aínda que conforme avanzaba o primeiro set o Boiro ía tomando a dianteira ata converter o parcial case nun monólogo. Alan Davila, Martín Dimitrov e Figueroa guiaron aos seus para coller vantaxe. Arroupados por un gran saque e unha boa defensa, os locais apuntáronse o primeiro tanto por un claro 25-19.

No segundo asalto o dominio do Rotogal foi aínda maior. Os boirenses foron unha máquina case perfecta e non deron tregua aos visitantes. O Boiro non deu opción ao desempeñar unha gran segunda parte en todos os ámbitos, cun gran acerto ofensivo e sendo un muro en defensa. O adestrador vigués non deu coa tecla para deter o vendaval do Rotogal, o polo que os locais pecharon o set por un avultado 25-10 para poñer o 2-0.

Pero todo mudou no terceiro acto. O Vigo Voleibol refíxose e veuse na Cachada a súa versión habitual polo que se veu un duelo máis igualado. Nesta ocasión a balanza inclinouse do lado dos visitantes que se apuntaron o set por 20-25.

O Boiro afrontou o cuarto xogo sen dúbidas e os xogadores saltaron cun plus de madurez que amosaron para pechar o encontro. Davila, Dimitrov e Figueroa encabezaron ao Rotogal para resolver o derbi ao pechar o set por 25-18. 3-1 final para os boirenses que se anotaron o primeiro derbi do ano.

Tras este triunfo o Boiro Voleibol ascende ao quinto lugar do grupo A da Superliga 2, superando ao Vigo Voleibol na táboa.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.