O Cidade de Ribeira vive un dos momentos máis doces dos últimos anos. Aínda que a posición na táboa poida semellar distante aos postos altos, o certo é que entre o seu sétimo posto e os segundos clasificados hai só 4 puntos.
A vitoria dos ribeirenses este domingo ante o Paiosaco fíxolles pechar a primeira volta ligueira a só un punto da fase de ascenso, un obxectivo que a principio de temporada semellaba case imposible. Para lograr estes últimos tres puntos tiveron que esforzarse os xogadores do Cidade, xa que aos 24 minutos a Fieiteira levou un golpe de realidade co gol do Paiosaco.
Non durou moito a alegría visitante. Pasaran só sete minutos e Nando igualaba o marcador cun gran tanto. O empate devolveu o encontro aos inicios e o paso por vestiarios deu forza aos locais. Así, cando só pasaban cinco minutos dende a reanudación polo descanso, Piñeiro adiantaba ao conxunto de Ribeira para firmar o 2 a 1 definitivo.
A vitoria permite ao Cidade manterse no pelotón de equipos que loitan polas catro prazas de fase de ascenso. Sigüeiro, Negreira, Sofán, Miño, San Tirso e Cidade de Ribeira abranguen un espazo de só catro puntos entre a segunda e a sétima posición na que promete ser unha loita que se manterá ata o final da campaña.