O 2025 non puido comezar mellor para o Puebla que mantén a súa dinámica de resultados positiva ao facerse co seu décimo cuarto triunfo en 16 xornadas. Os pobrenses xogaron o domingo no campo do San Adrián o duelo correspondente á xornada 12, partido adiado polo temporal que se rexistrou o 24 de novembro e comezan o ano sumando tres importantes puntos que os deixan líderes en solitario do grupo 5 da Primeira Futgal.
Os pupilos de Chofri tiñan ante si a oportunidade de colocarse a sete dos seus perseguidores, o Unión, e non a deixaron escapar. O San Adrián, pechacancelas, precisaba puntuar para intentar fuxir do último posto da táboa pero o Puebla non deu o seu brazo a torcer. Os visitantes saltaron ao verde coas ideas claras e seu foi o control do esférico, pouco a pouco foron chegando as ocasións ata que pasada a media hora de xogo Jonathan Cendón non perdoou e bateu a portería local para poñer o 0-1. Resultado co que se chegou ao descanso.
Na segunda metade o San Adrián quería o empate, pero un Puebla ben plantado pechou as portas a unha posible igualada. Os de Chofri seguían creando e no 53 Hugo Suárez ampliou a diferenza ao bater por segunda vez a portería local, 0-2 que non fixo que diminuíran os intentos do San Adrián por meterse no partido. O Puebla non concedeu espazo atrás e no 79 sentenciou o partido co 0-3.
Novo triunfo do Puebla que xa ten 44 puntos no seu haber logo de gañar 14 encontros e de empatar dous. Os do Barbanza lideran o grupo 5 da Primeira Futgal o ter 7 puntos de marxe co seu perseguidor, o Unión.
Esta fin de semana regresa a competición coa disputa da décimo sétima xornada.