As rúas de Boiro foron tomadas onte por centenares de deportistas que se sumaron á XIX Carreira Popular Mar de Boiro, 17º Memorial Pepe Buceta. 351 corredores vestíronse de curto para participar na categoría absoluta desta tradicional proba na que se percorreron 10 kilómetros. Na categoría masculina o mellor foi Martín Lestido, que parou o crono en 33 minutos e 16 segundos. Mentres que no apartado feminino Carol Santos firmou o mellor tempo: 39 minutos e tres segundos.
Foi unha proba cun bo nivel competitivo e coa que se puxo fin ao circuíto de carreiras de Barbanza Arousa Catro Carreiras, unha meta. Nesta ocasión non houbo corredores locais no podio. Na categoría masculina Martín Lestido, do Atletismo Sar, venceu. Daniel Maneiro, do Atletismo O Pino, quedou segundo cun tempo de 33 minutos 33 segundos. E Saúl Benítez, de El Canario, foi terceiro ao entrar tan só tres segundos despois de Maneiro.
No apartado feminino Carol Santos, do Ría de Ferrol, foi a mellor atleta seguida de Ariana González, do Trega, que correu os 10 kilómetros en 41 minutos e 19 segundos. E pechou o podio Mirian Trigo, do Tríatlon Santiago, cun tempo de 41 minutos e 49 segundos.
Tamén houbo clasificación dos atletas boirenses. Lara Buig, do Barbantia Roda, conseguiu ser a primeira nesta categoría no apartado feminino ao rematar undécima na xeral cun tempo de 45 minutos e 36 segundos. E no masculino o mellor corredor de Boiro foi Ernesto Triñanes, tamén do Barbantia Roda, que rematou a proba no vixésimo segundo lugar cun tempo de 35 minutos e 35 segundos.