Deportes

VOLVER Á SENDA DA VITORIA. ESTE É O OBXECTIVO CO QUE AFRONTA O ROTOGAL O PARTIDO DESTA FIN DE SEMANA

Logo dunha semana de intenso traballo na pista, o Boiro Voleibol volve á competición. Os xogadores vestiranse de curto unha fin de semana máis para loitar por unha vitoria que podería colocar aos boirenses novamente nos primeiros postos do grupo A da Superliga 2. O conxunto adestrado por Adrián Alves afronta unha viaxe ata a capital para medirse ao VP Madrid, pechacancelas da clasificación.

O Rotogal chega a esta novena xornada ocupando o quinto posto na táboa tras a derrota apañada a pasada fin de semana. Os boirenses chegaban no segundo lugar para medirse ao Textil Santanderina, líder, e os cántabros apenas deron opcións aos do Barbanza para loitar polo choque. Agora os pupilos de Alves buscan amosar a súa mellor versión para volver á senda do triunfo.

Non será doado xa que ao outro lado da rede estará o Madrid, pechacancelas. Os madrileños chegan con urxencias a este duelo xa que suman unha soa vitoria e sete derrotas, a última a que sufriron a pasada xornada na pista do Jovellanos por 3-1. Polo que sairán a dar guerra na súa casa e esporeados pola súa afección.

O domingo ás 10.30 horas o Madrid e o Rotogal mediranse sobre o parqué do Entrevías por tres puntos que poden catapultar aos boirenses novamente á cabeza da clasificación.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.