Os equipos do Barbanza na Terceira RFEF afrontan unha nova xornada en situacións totalmente opostas. O CF Noia, asentado na zona media alta, buscará manterse no feudo do Viveiro. Na parte baixa, o CD Boiro tentará saír dos postos de descenso a Preferente, aínda que iso si, conta cunha xornada menos que o resto dos competidores.
O CF Noia chega no mellor momento do ano, con 11 puntos dos últimos 15 e unha gran efectividade en ataque. O seguinte opoñente trátase dun rival pola zona media alta, o Viveiro, que colleita dúas vitorias e tres derrotas nos últimos cinco partidos. A só dous puntos do Arosa, equipo que marca a fase de ascenso, os noieses buscará en terras lucenses asaltar o play off.
Mirando cara a parte baixa, o CD Boiro busca revertir a dinámica negativa dos últimos partidos. Contan por derrotas os últimos catro partidos, e aínda que cun partido pendente de xogar, ocupan agora a décimo sexta posición, a que marca o descenso. Con nove puntos, unha vitoria pode axudar aos de Cardeñosa a mudar a situacuón e comezar unha boa xeira de resultados e escalar posicións. Para facelo, o rival a bater será o Valladares, décimo terceiro clasificado con 13 puntos.
Na Preferente Futgal o Cidade de Ribeira busca manterse nos postos de fase de ascenso á Terceira RFEF. Logo da última vitoria ante o Atlético Escairón os ribeirenses aséntase na zona alta da clasificación como uns dos aspirantes a canto menos loitar o play off. O encontro desta semana será ante o Sigüeiro, equipo na mesma tesitura que o Cidade. Ambos colleitan 22 puntos, cos de Ribeira como quintos e os de Oroso de terceiros. A Fieiteira verá como os seus se poden colocar mesmo segundos no caso dunha derrota do Sofán.