A xornada dominical da Primeira Futgal conten esta semana varios elementos que a fan do máis interesante. Na cabeza do grupo 5 atópase o Puebla, que co empate hai dúas semanas cortou o pleno de vitorias durante a temporada. Con 31 puntos seguen como líderes e esta semana visitarán o campo do Arcade para manterse na cabeza da liga.
O seu principal competidor é o Unión, que acumula tamén 31 puntos. Con dez vitorias e un empate, os de Asados igualaron hai quince días aos pobrenses, e a suspensión dos respectivos partidos a semana pasada fixo que a situación igualitaria se manteña unha semana máis. Para rachar con ella terán que superar na casa ao Atlético Cuntis.
Seguindo a orde da táboa, o seguinte equipo do Barbanza no grupo é o Valiño, que esta semana se despraza ata Ribadumia. 3 puntos dos últimos 15 son sinal do mal momento que viven os de Cabo de Cruz. Logo dun inicio de temporada fulgurante, pouco a pouco foron perdendo forza ata caer á sexta posición na que se atopan. Con 18 puntos, aínda están a tempo de revertela e volver engancharse á loita pola fase de ascenso.
O pechacancelas do grupo 5 é unha semana máis o Taragoña, que este domingo xogará no campo do San Martín. Os 8 puntos dos 33 posibles non chegan en Rianxo para saír do descenso, que para puntuar esta semana deberá superar unha proba de nivel ante os de Vilanova de Arousa. Como quintos clasificados, o San Martín non llo poñerá fácil aos de Taragoña.
Pasando ao grupo 2, a SD Esteirana recibirá no Xose Luis Vara á SD Castriz. Os de Esteiro chegan como novenos, con 16 puntos, e asentados na zona media da clasificación, mentres que os rivais figuran como sextos con 19 puntos. A última vitoria dos muradáns serviralles para coller impulso antes dun partido contra un dos seus rivais directos.