O mal tempo da fin de semana non impediu que o Escola de Fútbol Municipal de Boiro regresara ao verde e sumara un novo triunfo. Nesta ocasións as boirenses foron superiores ao Calo, rival ao que se impuxeron por un cómodo 3-0, e con esta vitoria colócanse segundas de forma provisional xa que o filial dAs Celtas non puido disputar o seu encontro.
Estaba todo preparado en Vista Alegre para vivir o duelo entre o Boiro e o Calo e a chuvia non fixo acto de presenza na meirande parte dos 90 minutos. Co reforzo de impoñerse ao filial celeste na pasada xornada, as pupilas de Miguel Ángel Ramos saíron coas ideas claras e co obxectivo claro: gañar. O dominio foi local e non tardaron en aparecer as primeiras ocasións de gol, que se perderon. Sen embargo no minuto 20 Carla Sanda non perdoou e mandou ao fondo da portería do Calo o esférico para adiantar ás boirenses. E apenas dous minutos despois Antía González volveu a levantar á bancada para celebrar o 2-0, resultado co que se chegou ao descanso.
O Calo intentou reaccionar tras o paso por vestiarios, pero un Boiro ben plantado contivo as súas acometidas. O xogo estivo máis repartido pero as locais non deron pé a unha remontada e cando o crono marcaba o minuto 84, Carla Sanda anotou o seu particular doblete para poñer o que sería o definitivo 3-0. Oitavo triunfo que suma o EFM de Boiro e que as coloca provisionalmente no segundo lugar e a tres punto das líderes, o Orzán. Esta fin de semana, se o tempo non o impide, as barbanzás xogarán no campo As Relfas ante o Sardoma de Vigo “B”, antepenúltimo clasificado. O partido desenvolverase o domingo a partir das 16.00 horas nas Relfas.
E na categoría xuvenil o Boiro fíxose co liderado da Preferente. Os brancos recibiron o sábado a visita do filial do Ural Español, conxunto que plantou cara aos locais. O encontro comezou de cara para o Boiro xa que a xente aínda estaba sentándose cando Kevin Collazo abriu o marcador. 1-0 que se mantivo os restantes 44 minutos do primeiro tempo. O Ural saíu con enerxías renovadas e no 51 puxo as táboas, pero iso non foi todo xa que antes da hora de xogo deulle a volta ao marcador co 1-2. O Boiro reaccionou e no 63 Raúl Muñiz puxo novamente o empate, 2-2 que xa non se movería. Un punto que sumaron os do Barbanza e que lle sirve para poñerse líder do grupo 1 logo do empate do Calasanz.