Deportes

NOVA DERROTA DO BERBERECHO DE NOIA

A quinta xornada da Primeira División Masculina de baloncesto rematou cun tropezo do Berberecho de Noia. Os noieses medíronse ante un rival directo, o Novobasket Vigo, e nesta ocasión sumaron unha derrota que os deixa cuartos ao caer por 75-64 nun encontro que comezou igualado pero que caeu do lado local.

Os primeiros 10 minutos do choque foi unha alternancia constante ao fronte do marcador, sen embargo os amarelos tomaron a dianteira cunha mínima vantaxe de 15-16 que reflectía o equilibrado do encontro.

O segunda cuarto foi outra historia. Os vigueses propuxeron unha defensa a toda pista que conseguiu o seu obxectivo: frear o ataque do Noia. Os locais aproveitaron os roubos de balón para coller vantaxe grazas a rápidas transicións que lles proporcionaron canastras fáciles. Polo que ao consumirse os 10 minutos o electrónico reflectía o 36-29 para o Novobasket.

O paso por vestiarios reforzou a proposta noiesa que conseguía igualar novamente o duelo na cancha. Unha tripla de Jorge Pérez cando faltaban 3 minutos 30 segundos para rematar o cuarto puxo aos amarelos a catro puntos. Sen embargo as perdas de balón deron osíxeno ao Novobasket que firmou un parcial de 11 a 1 para pechar o terceiro período con 14 puntos de marxe.

No derradeiro acto o Berberecho achegouse ata os nove puntos, pero os locais non deron opcións aos noieses a loitar polo triunfo. Amosando unha maior frescura física mantiveron as distancias ata o 75-64 final.

O conxunto adestrado por Ángel Castro rematou a xornada no cuarto lugar do grupo Sur e xa pensa no seguinte partido. Trátase doutro duelo directo xa que se miden ao SD Tui nun encontro clave para manter a pelexa para poder estar entre os tres primeiros clasificados.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.