O CF Noia continúa dando pasos de xigante na Terceira RFEF. Os recén ascendidos semellan un dos equipos con máis vagaxe da categoría. A última mostra, a vitoria por 2 a 1 ante os líderes no momento, a Sarriana.
O partido estivo protagonizado polas fortes choivas e refachos de vento, que engadiron épica á vitoria noiesa. Por se fora pouco, para sumar picante ao encontro, tiveron que remontar un gol encaixado aos 19 segundos. Nada máis sacar de centro o Noia quixo contruír a primeira xogada partindo do arqueiro. Chema inexplicablemente entregou o balón ao dianteiro rival, que a porta baleira puxo o 0 a 1 para os visitantes.
O duro golpe non trastocou os plans do Noia, que mantivo o bloque alto e a presión en campo rival como as dúas máximas todo o partido. A primeira ocasión foi para Axel, que enviou o balón a poucos centímetros da meta rival. A segunda tivo o mesmo protagonista, cun zurdazo rozando pau.
A poucos minutos do descanso os noieses atoparon o premio. Hugo Losada enviou unha falta na frontal da área ao fondo das redes cun potente trallazo. O paso por vestiarios deu aínda máis ás ao Noia. Unha internada de Hugo García dende a esquerda confirmaba a remontada logo do gran remate de Axel no corazón da área.
Co 2 a 1 a Sarriana tentou buscar o empate, pero a defensa local mantivo o resultado ata o pitido final. Con este resultado os de Iván Carril sitúanse sextos con 20 puntos a só dous dos postos de fase de ascenso.