Deportes

EMPATE NA CABEZA DA TÁBOA TRAS O EMPATE DO PUEBLA E A VITORIA DO UNIÓN

Xornada de emocións na Primeira Futgal para os equipos da comarca. Iguálanse as cousas ao fronte do grupo cinco xa que o Puebla empatou na casa ante o Unión Dena e o Unión venceu ao Marcón polo que se colocan colíderes cos mesmos puntos. O Valiño non puido co San Martín e o Taragoña caeu co Cordeiro.

O Puebla puxo fin á súa xeira de dez vitorias nos dez encontros disputados e tivo que ser medíndose ata o que esta fin de semana era o pechacancelas, o Unión Dena. O duelo comezou mal para os de Chofri xa que no minuto 16 os visitantes celebraron o primeiro gol dende o punto de penalti. Houbo que agardar ao segundo tempo para ver a reacción local, que chegou no 77 grazas ao gol de Juan García. Sen embargo no 84 o Dena volveu a adiantarse e o Puebla suou para igualar de novo o marcador no 92 cun novo tanto de Juan García. 2-2 final, reparto de puntos que deixa aos pobrenses líderes empatados a puntos cos segundos, o Unión.

Os de Asados non deixaron escapar a súa oportunidade de igualar ao Puebla ao fronte do grupo 5 e venceron nun traballado encontro ao Marcón Atlético. Os vermellos tomaron a iniciativa sobre o verde do municipal de Vilas e no 35 adiantáronse logo de que Jorge Torrado definira ao fondo da meta visitante. Tras o descanso pouco mudaron as cousas no campo e no 56 Óscar Galbán ampliou a diferenza co segundo da tarde. O Marcón buscou a portería rianxeira e conseguiu batela no 87, pero o Unión xogou ben as súas cartas para sumar os tres puntos e colocarse así segundos, empatados co líder.

O Valiño foise de baleiro nesta xornada ao ser superado polo San Martín na súa visita ao municipal de Vilaxoán. Os crucenses querían sumar a súa segunda vitoria seguida pero os locais non deron moitas opcións. Aínda non se cumprira o cuarto de hora de xogo cando os vilagarcíans se puxeron por diante, distancia que ampliaron no 44 co 2-0. O paso por vestiarios despertou ao Valiño que acurtou distancias no 50 co gol de Rafa Picos. Pero foi un espellismo. O San Martín reaccionou e no 68 e no 70 sentenciou o duelo co 4-1. nova derrota dos crucenses que pecharon a xornada cuartos.

E o Taragoña tampouco foi quen de puntuar ao caer na súa visita ao Cordeiro. Os rianxeiros, que pechan a táboa do grupo 5, pecharon a súa portería na primeira metade. Pero tras o descanso o Cordeiro atopou a fenda na defensa para poñer o 1-0 no 54 e deu a puntilla no 93 co 2-0. Sétima derrota do Taragoña que cae ao último posto.

E no grupo 2 a Esteirana avanza a pasiños pequenos cun novo empate, o segundo seguido. Os muradáns recibiron a visita do Calo, décimo, e sobre o verde do Xosé Luis Vara viuse un duelo igualado, onde os equipos se anularon mutuamente. O 0-0 mandaba no marcador ao final do primeiro tempo e no 53 a Esteirana conseguía bater a meta visitante para adiantarse, pero pouco durou a alegría xa que tres minutos despois o Calo puxo as táboas. 1-1 que non se movería e que deu un novo punto aos de Esteiro, duodécimos.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.