Deportes

O BERBERECHO DE NOIA CEDEU A VITORIA ANTE O LÍDER, O SIGALTEC

Esta fin de semana desenvolveuse a terceira xornada da Primeira División Masculina de baloncesto na que o Berberecho de Noia e o Sigaltec medían as súas forzas. O Alonso Rodríguez acolleu este duelo entre o quinto e o primeiro clasificado do grupo sur e viuse un encontro equilibrado que finalmente caeu do lado dos vilagarciáns por 66-75.

O choque comezou con dominio visitante, que collía pequenas vantaxes sobre os amarelos que non pasaban dos tres puntos. O Sigaltec realizou un forte defensa que dificultaba o ataque noiés, sen embargo os locais conseguiron manterse preto no marcador ao remate do primeiro cuarto.

O segundo acto foi o da reacción do Berberecho. Certo é que os xogadores sumaron moitas perdas de balón, pero apareceron Jorge Pérez e Mario Rodríguez para anotar e comandar aos noieses. Déronlle a volta ao marcador chegando ao descanso cunha lixeira vantaxe, 35-32, grazas tamén ao traballo defensivo.

A igualdade protagonizou o terceiro parcial. A diferenza entre os dous equipos mantíñase en poucos puntos, sen embargo mediado o cuarto o Noia volveu a sentirse incómodo na pista. A presión proposta polo Sigaltec e o alto ritmo que puxo ao xogo deulle aire ao seu favor. E rematou o acto cun cambio no marcador xa que os vilagarciáns tomaron o mando co 49-55.

Ángel Castro buscou alternativas defensivas para frear o ataque do Sigaltec no último cuarto, pero o acerto visitante seguía a manter a diferenza no electrónico. O Berberecho non baixou os brazos e a falta de poucos minutos para o final puxéronse a catro puntos, co 62-66. Pero o empuxe visitante foi maior e non deu opcións aos amarelos, que acabaron perdendo por 66-75.

O Noia mantense no quinto lugar mentres que o Sigaltec, primeiro é o único equipo invicto do grupo sur. Esta fin de semana regresa o baloncesto ao Alonso Rodríguez. O domingo ás 17.00 horas os amarelos mediranse ao Seis do Nadal, último clasificado, na procura da segunda vitoria da temporada.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.