A emoción estivo servida este sábado na Cachada. O pavillón, coas gradas cheas, abriu as súas portas para acoller o derbi galego entre o Boiro Voleibol e o Dumbría, choque que se auguraba igualado e que non foi apto para cardíacos. Os dous equipos mandaron en diferentes partes do encontro, pero finalmente o triunfo caeu do lado visitante logo de ser superiores aos boirenses no quinto set.
O primeiro xogo foi unha boa mostra do que se vería no parqué da Cachada. A igualdade imperou na meirande parte do mesmo aínda que no final o primeiro punto decantouse para o Dumbría por 22-25.
Empezou mal o Boiro, que recuperou sensacións no segundo set. Os pupilos de Adrián Alves amosaron a súa contundencia en ataque e comandados por Martín Casais e por Janluar Figueroa puxeron a igualada no marcador cun claro 25-19.
O terceiro período seguiu o mesmo camiño que o anterior, cos boirenses moi serios no bloqueo. O seu acerto nas dúas parcelas da pista déronlle aire para desequilibrar o duelo ao seu lado e poñer o 2-1 logo de anotarse un novo tanto ao mandar no terceiro xogo por 25-20.
Todo cambiou no cuarto set. O Dumbría subiu as súas prestacións en defensa e atoparon os ocos con bos remates, colocando de novo o empate ao gañar o xogo por un amplo 18-25. O quinto set decidiu ao gañador. O Rotogal sufriron un baixón no seu xogo, o que upou ao Dumbría a levarse a vitoria ao impoñerse por 11-15.
Derrota que frea a xeira de triunfos do Boiro Voleibol que rematou a sexta xornada da Superliga 2 no terceiro lugar da clasificación do grupo A.