Unha saída difícil do Cidade de Ribeira resultou da peor maneira posible. 2 a 0 foi o resultado que o San Tirso impuxo aos ribeirenses nun partido marcado polo factor campo.
As reducidas dimensións do terreo de xogo inclinaron a balanza para os locais, que souberon xogar as súas armas para neutralizar as ofensivas do Cidade.
O primeiro tanto chegou aos once minutos de encontro, froito dunha falta no medio campo que os locais aproveitaron para adiantarse. A pesar do gol, o Cidade de Ribeira dispuxo de ocasións nas botas de Aguado, Torito e José, pero non foron quen de concretalas.
A partir dese momento non houbo moitas chegadas máis por parte de ningún equipo. Os de Ribeira crearon perigo con Jon, Anxo e José, pero a máis clara foi para Viturro, que enviou un potente disparo á madeira.
Pola súa parte, o San Tirso empregou os balóns en longo para xerar incomodidade na defensa aproveitando as dimensións reducidas do campo. Foi no 91 cando atoparon o premio, anotando Iago Meijide o 2 a 0 definitivo para sentenciar o encontro.
Esta derrota supón a segunda consecutiva para o Cidade de Ribeira, que cae á oitava posición con 16 puntos, a tres dos postos de fase de ascenso.