A Terceira RFEF volve con partidos duros para Noia e Boiro. Os noieses, actualmente décimos clasificados, reciben no Julio Mato ao Silva, novenos clasificados e cos mesmos puntos, 13. A só dous dos postos de fasse de ascenso ambos equipos buscarán asaltar a zona media alta da clasificación.
Pola súa banda o Boiro xogará fóra da casa ante un dos rivais máis esixentes da liga, a UD Ourense. Os boiristas marchan décimo terceiros clasificados con 9 puntos, levando xa 4 partidos sen coñecer a vitoria. Os seus rivais esta xornada atópanse segundos con 18 puntos, a só dous do líder. O CD Boiro buscará no feudo auriense volver cun bo resultado que lle permita manterse na zona media da táboa.
Na Preferente Futgal o Cidade de Ribeira buscará lonxe da casa regresar aos postos de play off de ascenso. Logo da derrota a semana pasada ante o Negreira, os ribeirenses visitan ao San Tirso con ganas de resarcirse. Chegan como sextos con 16 puntos, os mesmos que o Lalín, equipo que marca o acceso a fase. Os rivais desta semana figuran máis abaixo, como oitavos con 14 puntos. Os de Juan Manuel Pena viaxarán ata Abegondo na busca dos tres puntos.
A Primeira Futgal chega esta semana cun novo derbi, desta vez non comarcal, se non que se enfrontarán os dous equipos de Rianxo, o Taragoña e o Unión. Chegan en situacións moi distintas en canto a xogo e resultados. Os de Asados van segundos con 25 puntos, invictos ata o de agora con 8 vitorias e un empate, mentres que o Taragoña acumula só dúas vitorias e suma 8 puntos, en postos de descenso. Recibirán ao Unión nun partido que promete ser duro.
O cabeza de liga segue a ser o Puebla, que este domingo se medirá ao Atlético Cuntis a domicilio. Os pobrenses non soltan o acelerador e non parecen pretender facelo ante os próximos rivais, que se sitúan sétimos con 13 puntos.
O Valiño buscará esta semana non descolgarse da loita polos postos de fase de ascenso. Coa primeira posición a doce puntos polo de agora, semella complicado que a poidan acadar. Aínda así, o terceiro posto só está a un, polo que o partido ante o Campo Lameiro pode servirlles aos de Cabo de Cruz para revertir a mala xeira de resultados, encadenando xa tres derrotas consecutivas.
Pasando ao grupo 2, a SD Esteirana volverá someterse a unha proba de nivel, desta vez ante o Boimorto. Recibiranos o domingo no Xosé Luis Vara nun partido ao que chegan como décimo segundos, mentres que os seus rivais o fan como quintos, a dous puntos da promoción de ascenso. Promete ser un encontro duro para os muradáns, que se enfrontan a un dos equipos máis goleadores da liga.