Os equipos do Barbanza na Terceira RFEF buscan esta xornada manterse en postos estables da claisificación. O partido máis duro terao o CF Noia, que se medirá a domicilio ao Estradense, líderes da liga. Os da Estrada suman 19 puntos en oito partidos e chegan nun estado de forma inmellorable. Os noieses son agora novenos e buscan unha vitoria que os achegue aos postos de promoción de ascenso.
O CD Boiro xogará un partido a priori máis doado que os seus veciños. Recibe en Barraña ao Betanzos, décimo sétimos clasificados con cinco puntos. O encontro semella asequible para os boirenses que veñen de perder ante o Polvorín e buscarán ante a súa afección volver ao camiño da vitoria.
Na Preferente Futgal o representante do Barbanza e unha das revelacións da liga, o Cidade de Ribeira, recibe na Fieiteira ao Negreira. Os seus rivais figuran décimo primeiros con 9 puntos, fronte á cuarta posición con 16 puntos dos ribeirenses. Xa en postos de fase de ascenso, os de Ribeira teñen permitido soñar con manterse nesa zona e mesmo chegar a cotas máis altas.
E na Primeira Futgal os equipos da comarca enfróntanse a situacións moi dispares. No grupo 2 o Puebla medirase ao Flavia para manterse na primeira posición. O Unión, a só dous puntos do líder, recibe ao Soutomaior para non perder os pulso cos pobrenses. O Valiño, algo máis distanciado da cabeza da liga, desprazarase ata Valga para medirse ao Cordeiro. Na parte baixa da táboa segue o Taragoña, que xogará fóra da casa ante o Caldas. Os catro partidos semellan asequibles para os equipos da comarca, medíndose todos a conxuntos en postos inferiores a eles ou canto menos semellantes, como o caso do Taragoña, décimo sétimos clasificado, co Caldas como décimo quintos.
O partido máis complicado da Primeira Futgal terao a SD Esteirana no grupo 2. desprazaranse ata A Laracha para xogar contra o Club do Mar. Os locais chegan como primeiros clasificados con 22 puntos de 24 posibles, sumando 7 vitorias e un empate en 8 partidos, sen coñecer ata o de agora a derrota. Os muradáns sitúanse décimos con 11 puntos e levan catro partidos sen gañar, polo que para volver a coñecer a vitoria terán que superar a un dos rivais máis duros da liga.