Icono del sitio CanalBarbanza.com

O PROXECTO EUROPEO “DE MONTE A MONTE” BOTA A ANDAR EN LOUSAME CON 50 PARTICIPANTES

O mal tempo do domingo non impediu o lanzamento do proxecto Erasmus+ De monte a monte. Unirá durante os próximos 18 meses a comunidades galegas e portuguesas na busca de formas de xestión do territorio máis resilientes fronte ao cambio climático, incendios forestais e perda de biodiversidade.

O lugar de Froxán recibiu a 50 persoas para descubrir como aplicar as técnicas de permacultura á restauración forestal e hidrolóxica. Trazaron liñas de infiltración de auga nunha zona de forte pendente na que se eliminou o eucalipto e que está por enriba dos mananciais que subministran a aldea.

O programa da xornada incluíu unha actividade noctura de observación de morcegos organizada
pola asociación Morcegos de Galicia así como o espectáculo teatral “Dramón en Froxán”, unha
peza da Pequena compañía de nenos enormes para reflexionar sobre a destrucción ambiental
do mundo rural.

Esta é a primeira de 10 xornadas de formación coas mans na terra que continuarán até abril de
2026, de par de sesións de inventariado de biodiversidade e intercambios, para descubrir
distintas técnicas e experiencias que fortalezan a resiliencia social e ambiental das comunidades
rurais. As seguintes terán lugar en Bragança (Trás-os-Montes) o 27 de outubro e no Ribeiro
(Ourense) o 16 de novembro. O proxecto está aberto ao público en xeral e as participantes
recibirán unha acreditación da formación recibida finalizado o mesmo.

Salir de la versión móvil