175.000 euros serán repartidos entre 49 deportistas de alto nivel da provincia para mellorar a súa preparación e competitividade. Nomes como os de Ana Peleteiro, Caetano Horta, Adrián Mosquera, Álex Vidal ou Noa Romero están na nómina da Deputación e recibirán un importe provisional de 3.500 euros cada un.
Entre estas 49 persoas figuran deportistas dun amplo abano de disciplinas deportivas: atletismo, piragüismo, remo, vela, natación, boxeo, judo, esgrima, tenis de mesa, tiro con arco, halterofilia un dos máis practicados no Barbanza, taekwondo.
Taekwondistas como Irene Montemuíño, Daniel Abeijón, Noa Romero, Adrián Salanova, Alma Pérez ou Carla Sesar son os representantes do Barbanza neste deporte, con gran número de practicantes na comarca, ademais do parataekwondista Álex Vidal.
A lista tamén conta con representación olímpica. O noiés Caetano Horta figura na lista de 49 nomes. Actualmente en Australia preparándose para a próxima cita, é un dos grandes nomes do remo a nivel nacional.
Sen saír da auga, o piragüista rianxeiro Adrián Mosquera recibirá outros 3 mil 500 euros da Deputación para seguir levando o nome da súa vila alá onde compita.
Sen dúbidas o nome máis importante da lista é o da ribeirense Ana Peleteiro. De volta na casa preparando o seguinte ciclo olímpico, é unha das atletas máis coñecidas a nivel galego e nacional, sempre con Ribeira e a súa xente como bandeira.
Dende a Deputación afirman que esta medida pretende premiar aos deportistas da provincia para colaborar con eles e e así desenvolver ao máximo o seu potencial, ter acceso a mellor preparación e competir ao máis alto nivel.