A DEPUTACIÓN E O CONCELLO DE MUROS IMPULSAN UN PROXECTO PARA VISIBILIZAR A HISTORIA E O TRABALLO DAS MULLERES QUE CONSTRUÍRON A VILA

A Deputación provincial, en colaboración co Concello de Muros crea o proxecto Ruando, unha inciativa sociocultural que tentará visibilizar a historia local de Muros a través das voces e experiencias das súas mulleres.

Con enfoque de xénero, busca reivindicar o papel fundamental das mulleres que contribuíron decisivamente ao desenvolvemento da vila. A exposición inaugurarase o 18 de outubro e constará dun mapa emocional de Muros onde cada rúa estará vinculada ás historias de vida das súas habitantes.

Entre as protagonistas destacan mulleres que foron costureiras, leiteiras, mariscadoras, conserveiras e outras profesionais de sectores tradicionalmente feminizados e a miúdo esquecidos, pero que sustentaron a economía e a vida muradá.

A exposición ofrecerá aos veciños e veciñas unha experiencia única para coñecer a historia local dende unha nova óptica, resaltando a relevancia dos espazos de socialización e ás persoas que lles deron vida.

Ruando pretende dar valor á memoria local do concello mediante unha exposición que reconstrúa o pasado da vila, poñendo en primeiro plano os espazos comunitarios que marcaron a vida da veciñanza. Ademais, busca visibilizar as historias das mulleres cotiás que, grazas ao seu esforzo e traballo constante, foron esenciais no desenvolvemento do municipio.

Outro dos lemas desta proposta é As voces silenciadas merecen ser escoitadas. A iniciativa tamén promove a participación activa de persoas de todas as idades para crear un lugar inclusivo que fomente o diálogo interxeracional.

Con vistas de futuro, Ruando ten o potencial de estenderse a outros concellos, ofrecendo unha plataforma para que novas historias sexan escoitadas e valoradas.

Salir de la versión móvil