O anexo da Fieiteira viviu na tarde do domingo o que parece será un dos partidos máis intensos do curso. Houbo ata sete goles repartidos para ambos lados e que lle valeron a vitoria ao Cidade de Ribeira por 4 a 3.
o partido complicóuselles de inicio, xa que no minuto 5 xa perdían por 0 a 1. Souberon repoñerse e empatar vinte minutos despois, para adiantarse despois no 39. ao borde do descanso, o Galicia Mugardos puxo o 2 a 2, facendo aos dous equipos ir aos vestiarios cun resultado a táboas.
Se a primeira metade foi un baile de ocasións para os dous lados, a segunda parte non quixo quedar atrás. No 51 o Cidade de Ribeira volvía adiantarse cun disparo de Jose Piñeiro, e sete minutos despois Viturro puxo o 4 a 2 que parecía definitivo. Cando todo semellaba visto para sentencia, os visitantes recortaron distancias no 74, facendo sufrir aos ribeirenses ata o pitido final.
O 4 a 3 definitivo significa unha nova vitoria para o Cidade de Ribeira, que suma xa unha derrota, un empate e dous triunfos, e que os sitúa, con 7 puntos, na quinta posición en postos de promoción de ascenso.