Deportes

CABO DA CRUZ NON COMPETIRÁ A VINDEIRA TEMPORADA NA EUSKOTREN LIGA

Esta fin de semana disputouse o playoff para coñecer que equipos disputarán a próxima campaña a Euskotren Liga. Cabo da Cruz tiña en xogo a súa presenza na máxima categoría feminina da ACT xa que había dúas prazas para catro equipos: Astillero, Chapela, Zumaia e as propias boirenses.

O sábado arrancou a fase coa regata de Bermeo na que as cousas se puxeron costa arriba para as vermellas. As remeiras de Cabo finalizaron a competición cun tempo de 12 minutos, 41 segundos e 06 centésimas, o peor rexistro. E o domingo en Portugalete non mudou moito o resultado. Astillero firmou o mellor tempo, seguida de Zumaia. Chapela quedou terceira e as crucenses pararon o crono nos 11 minutos 2 segundos e 60 centésimas, de novo o cuarto tempo.

Duro resultado para Cabo da Cruz, que na vindeira campaña volverá a competir na Liga Galega de Traiñeiras. Co descenso das boirenses e de Tirán, e a non promoción de Chapela, Galicia quédase sen representación na Euskotren Liga.

Cabo da Cruz seguirá presente un ano máis na Euskolabel Liga logo de rematar esta temporada no noveno lugar. E compartirán competición con Ares, que firmou o seu ascenso á máxima categoría do remo masculino nacional.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.