Deportes

NOIA E BOIRO RECIBEN A CARA E A CRUZ NA TERCEIRA FUTGAL

Nova xornada na Terceira RFEF na que o Noia colleitou mellores resultados que na anterior. Non foi o caso do Boiro, que volveu perder.

Os noieses estrearon o casilleiro de vitorias fronte ao Atlético Arteixo no Julio Mato. Un gol de Marcelo deulles os primeiros tres puntos da temporada. O partido comezou apretado para os dous conxuntos, que se repartiron as ocasións, algunhas máis claras que outras, pero sen chegar a concretar ningunha delas.

Non foi ata ben entrada a segunda parte, no minuto 62, cando Marcelo Muñín, que tivo que entrar no descanso polo lesionado Queiruga, encarou a portería rival para poñer un 1 a 0 no marcador. O resto do partido foi un monólogo en ataque do Arteixo, que acosou a portería noiesa, pero sen ser capaces de empatar o partido, levando así o Noia a primeira vitoria da temporada.

O encontro do Boiro viu a outra cara da moeda, perdendo 3 a 1 fronte ao Silva fóra da casa. O partido comezou sen un dominador claro. Con ocasións para ambos lados, no minuto 19 Rodri Alonso abriu a lata para os locais.

Minutos despois o Boiro tivo o empate no balón parado cun gran centro de Álex Rey, que bateu no lateral da portería. No resto da primeira parte o Silva gañou terreo ao Boiro pero sen modificar o resultado.

A segunda metade parecía prever melloría para os barbanzáns, grazas á entrada no campo de Pablo Vidal e Yago García, pero xa no minuto 53 foi outra vez Rodri Alonso o que anotou para os locais, e só quince minutos despois sentenciou o partido cun hat trick.

Malia que o Boiro recortou distancia cun tanto de Yago García, nada puideron facer por levar o partido, aplazando unha semana máis as esperanzas de conseguir puntuar na Terceira RFEF.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.