A TERCEIRA RFEF NON COMEZA BEN PARA OS EQUIPOS DO BARBANZA

Os dous equipos do Barbanza recén ascendidos a Terceira RFEF comezan a liga con pe esquerdo. Nin Boiro nin Noia conseguiron puntuar nin marcar un gol.

O CD Boiro caeu na casa por 0 a 1 fronte ao CD Estradense por un erro na saída de balón ao comezo da segunda parte. O partido comezou ben para os locais, que se plantaron ante un candidato ao ascenso con ganas de dar guerra. Sylla, Dani Pedrosa e Mario Prol foron os xogadores con máis incidencia arriba na primeira parte.

O segundo tempo comezou mal para os boirenses, que no minuto 53 encaixaron o gol visitante. Mario Romero, despois de recibir do porteiro, perdeu o balón ante Pablo Porrúa, que rematou dentro das redes do Boiro.

A partir de aí os locais fóronse apagando. Contaron cun par de ocasións para acadar o empate, pero o máis destacado foi o desafortunado cambio de Borja Rey na portería por unhas molestias.

O Boiro buscará a semana os tres primeiros puntos no feudo do Silva.

O outro equipo do Barbanza, o CF Noia, tampouco tivo o mellor inicio posible do curso ligueiro. Caeron por 2 a 0 fronte ao UD Ourense fóra da casa.

Non tardou moito en haber cambios no marcador. No minuto 23 chegou o primeiro tanto do Ourense, que non soltou o acelerador en todo o partido.

Tiveron múltiples ocasións ao longo do encontro para aumentar a distancia de goles, pero tanto a madeira como o gardarredes noiés evitaron os tantos locais.

Non foi ata o minuto 90 cando, nunha internada do Ourense na área, a defensa do Noia o derribou, provocando o penalti que significou o segundo tanto dos locais.

O Noia, conscientes da marxe de mellora que teñen por diante, buscará a vitoria a semana que vén no Julio Mato fronte ao Atlético Arteixo.

Salir de la versión móvil