O CF Noia e o CD Boiro estréanse na Terceira RFEF e farano despois de dúas boas pretemporadas. Os noieses veñen de manter a base do equipo que lles deu o ascenso de Preferente o ano pasado.
Hugo, Rivas, Paco, Queiruga, Axel, Julián, Marcos, Maroñas, Iker ou Xabi son os homes dos que xa dispoñía o ano pasado Iván Carril e que continuarán ás súas ordes na Terceira RFEF. A eles súmanselles os de Chema, procedente do Arzúa e con pasado no Racing de Ferrol, e Jorge, da SD Compostela, ambos na portería.
Despois dunha boa serie de resultados na pretemporada, o CF Noia afronta con ilusión a súa estrea na Terceira RFEF, que será este domingo fronte ao UD Ourense fóra da casa.
Unha ilusión que comparten os seus veciños, o CD Boiro. Vellos coñecidos do ano pasado na Preferente, ascenderon da man de categoría e volverán verse as caras este ano.
Se os de Iván Carril fixeron unha boa preparación no verán, os de Cardeñosa non quedaron atrás. Catro vitorias e tres empates son sinal do bo facer do equipo neste tempo de preparación.
Igual que o Noia, o Boiro mantén a gran parte do equipo do ascenso. Pablo Vidal, David Noya, Juan Pérez, Juanma Blanco, Mario Prol, Mario Regueiro, Mario Romero, Saro Seoane ou Santi Taboada son algúns dos homes que continuarán nas disciplina boirense na Terceira RFEF.
A eles súmanlles outros moitos como Borja Rey, porteiro procedente do Silva, Dani Nieto, do Arosa, Yago, do Compos ou Martín Sánchez, tamén do Arosa.
Do outro lado da ría chegou ademais unha das incorporacións estrela do CD Boiro, Alassane Sylla, artífice de numerosos goles na pretemporada e que buscará dar moitas alegrías aos aficionados boirenses.
Agora o Boiro agarda ao domingo para recibir no Municipal de Barraña ao CD Estradense.