A Pobra do Caramiñal prepárase para unha das datas sinaladas da localidade, a LXIII Milla Urbana Nocturna. O 13 de setembro os participantes volverán poñer as zapatillas de correr para unha proba que conta con modalidades dende sub 6 ata máster.
As saídas faranse a partir das dez das noite dende as inmediacións dos Xardíns de Valle Inclán, onde rematará o evento cara a medianoite.
A entrega de trofeos será para os tres primeiros clasificados de cada categoría. Haberá medallas para todos os rapaces das categorías que compitan na sub 6 e sub 8. Para os maiores, concederanse premios económicos ós tres mellores tempos de cada carreira, 150 para o primeiro, 100 para o segundo e 50 para o terceiro.
Estímase unha participación duns 200 corredores, na liña de edicións anteriores. O prazo de inscricións xa está aberto. Para formalizar o trámite deberase acudir ao Departamento dos Deportes, situado na casa da cultura e xuventude Raquel Fernández Soler en horario de 9.30 da mañá a dúas e media da tarde.

