A Dirección Xeral de Tráfico impulsa ao longo desta semana unha campaña especial co obxectivo de diminuír o consumo de alcol e drogas ao volante. Os axentes da Agrupación de Tráfico da Garda Civil intensificarán ata o día 25 os controis de alcoholemia e presenza de drogas nas estradas galegas.
Esta mañá un dos puntos elixidos para desenvolver estes controis foi a rotonda que dá acceso á praia de Testal, unión entre o corredor Muros-Noia, Porto do Son e a vila noiesa. Unha zona cunha alta afluencia de vehículos e de turistas.
Segundo recorda a DXT, a única taxa segura ao volante é o 0% ademais de que o consumo de alcol non só está relacionado cunha maior accesibilidade, senon que tamén repercute nunha maior mortalidade.
Segundo os datos do Instituto Nacional de Toxicoloxía referidos ao ano pasado a nivel nacional, dos 862 condutores falecidos en 2023 en accidente de tráfico e sometidos a autopsia e análise toxicolóxico, un total de 462 condutores (o 53,6%) deron positivo nos resultados toxicolóxicos de alcol, drogas de abuso e/o psicofármacos, illadamente ou en combinación. Nestes resultados, o alcol segue sendo a substancia máis detectada nos condutores falecidos, cun 32,7%, seguido da cocaína e o cannabis, e en terceiro lugar, os psicofármacos.
Na mesma campaña especial desenvolvida o ano pasado entre o 14 e o 20 de agosto, a Garda Civil realizou 35.961 controis de alcoholemia en Galicia, dos que 538 foron positivos. Tamén efectuou 492 controles de drogas, con 244 positivos. Ademais, a 26 condutores instruíronselles dilixencias para o seu posterior traslado á autoridade xudicial por delitos contra a seguridade viaria.

