Fin de semana de remo nas rías galegas. Todas as categorías sumaron unha xornada máis de competición, finalizando a Liga B logo de seis regatas. Nesta última proba decidíase o campionato que se disputaban o Cedeira e o Puebla na XXIII Bandeira Concello de Oleiros.
As dúas embarcacións chegaban cunha diferencia dun punto e o vencedor en Perillo conquistaría tamén a Liga B. A igualdade estivo presente na meirande parte da regata, con Puebla adiantándose nos primeiros compases. Cedeira tomou o mando no segundo parcial e finalmente venceu con oito segundos de marxe coa Puebla, segunda. Deste xeito Cedeira consegue o ascenso directo á Liga A. Riveira finalizou sexta a regata e na xeral rematou no cuarto lugar.
O sábado tamén se disputou a IX Bandeira Feminina Concello de Oleiros, penúltima xornada da Liga Feminina. Tras unha intensa regata, Chapela Wofco ondeou a bandeira ao impoñerse por 26 segundos á segunda clasificada, Cesantes. Rianxo firmou o terceiro mellor tempo, mentres que Cabo da Cruz foi sétima. Na xeral Chapela continua como líder da Liga, Cesantes é segunda e Rianxo terceira. Mentres que Cabo da Cruz mantense no quinto lugar empatada a puntos con Mugardos.
E a proba da Liga A tivo lugar en Ares, onde estaba en xogo a XVII Bandeira do Concello. O equipo local non deu opcións aos rivais e deixou a bandeira na casa logo de completar a proba en 20 minutos 42 segundos. O segundo mellor tempo foi o de Chapela, que parou o crono 13 segundos máis tarde que Ares. Mentres que o terceiro posto foi para Tirán. Rianxo foi o mellor equipo da comarca ao quedar quinto, Cabo da Cruz finalizou oitavo e Urme décimo.
Na clasificación xeral Ares mantense á fronte da clasificación con Chapela segunda e Tirán terceira. Rianxo mantense no quinto lugar, Urme é novena e Cabo undécima.