A Consellería do Mar trasladou hoxe á Unión Europea as propostas de Galicia para reducir á frota de baixura as obrigas relacionadas co botiquín de tipo “C” que deben levar a bordo dos buques. Foi nunha xuntanza que mantivo hoxe a conselleira do Mar, Rosa Quintana, co director xeral da unidade B de emprego da Dirección Xeral de Emprego, Asuntos Sociais e Inclusión da Unión Europea, Stefan Olsson, coincidindo coa revisión que está a facer a Unión Europea sobre a normativa que regula estes aspectos.
Neste encontro a titular de Mar explicou ao director xeral a realidade da frota de baixura de Galicia, composta por preto de 3.800 embarcacións. Esta frota, explicou a conselleira, “faena moi preto da costa e debido á normativa que está en vigor está obrigada a levar un botiquín de medicamentos que é bastante custoso e complicado de utilizar, debido a que as embarcacións son pequenas e non teñen ponte”. Ademais, engadiu, hai medicamentos que contén o botiquín, que nin necesitan nin utilizan.