Porto do Son gardou esta fin de semana a súa roupa máis elegante para dar paso aos peores modelos do armario na Festa Hortera.
Prendas de todas as cores, brillantes, plumas e maquillaxes extravagantes tomaron as rúas sonenses nunha celebración que cada ano gaña máis adeptos.
A canción máis repetida foi a que está sendo o tema do verán, Potra Salvaje, de Isalbel Aaiún. Precisamente de cabalos foi a cousa, xa que a homenaxeada este ano foi Isabel Jiménez, que volveu á vida e chegou a Porto do Son rodeada de oito cabalos.
Despois diso, chupinazo de confeti e xogos. Carreiras de tacóns ou o concurso de playbacks foron algúns dos protagonistas. Foi tal a demanda para participar neles que a organización tivo que pechar as inscricións tres días antes da festa.
Finalmente foron catorce valentes os que se animaron a coller o micrófono e ofrecer o seu espectáculo a todos os asistentes. Un ano máis, Porto do Son comeza outro agosto moi hortera.