O Periurbano De San Roque Albergará Un Parque De Aventura Arbóreo Para Ser O Epicentro Do Turismo Activo De Riveira

O Concello de Riveira vén de formalizar esta semana a adxudicación dunha nova actuación orientada a crear no Parque Periurbano de San Roque un Parque de Aventura Arbóreo Ecosaudable. A iniciativa consiste na implantación dunha serie de circuítos de aventura que estean integrados neste entorno de grandísimo interese natural co obxecto de fortalecer o seu atractivo a través dunha ampla oferta de actividades de turismo activo e aventura, aptas para ser disfrutadas por persoas de distintas franxas de idade e capacitación física.

A execución do proxecto foi adxudicada á empresa Kongo Bongo, S.L., por un importe que ascende a 79.285,25 euros, cofinanciados con fondos Leader. O prazo de realización é dun mes e está previsto que os traballos arranquen a vindeira semana.

Circuítos familiares e deportivo
A zona de actuación sitúase nas inmediacións do merendeiro de San Roque. Haberá un circuíto previo sobre chan de quentamento e explicación do funcionamento do parque e outros tres circuítos dispostos sobre árbores: dous de carácter familiar para o disfrute conxunto de adultos e nenos; e un circuíto deportivo con xogos de maior dificultade.

A tal obxecto instalaranse diversos elementos integrados no contorno, entre os que figuran dende unha ponte de rede, ata unha pasarela inglesa, ponte xaponés, cinco tirolinas, un ponte vía ferrata, un ponte amazónico, escaleira de cordas, paso de lianas, balanzas colgantes e outras estruturas idóneas para o disfrute dos usuarios.

A empresa adxudicataria realizou onte a análise fitosanitaria dos árbores que deberán soster os circuítos, comprobando que contan coa resistencia axeitada e procedendo á súa marcaxe.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.