A Xunta concede unha axuda de 114.000 euros aos Concellos do Barbanza para financiar o servizo de atención temperá a menores con necesidades especiais, o anuncio realizouno esta mañá o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, durante unha visita ó concello de Lousame
O delegado territorial de Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou esta mañá o Concello de Lousame e anunciou a concesión dunha axuda de Política Social que irá destinada ao financiamento do servizo de atención temperá de menores con necesidades especiais que funciona no municipio de Noia para atender a usuarios de Lousame, Porto do Son, Noia, Outes e Muros.
A subvención, incluída no marco da Rede Galega de Atención Temperá, suma 114.000 euros, e ten como finalidade a implantación de servizos de atención a menores de 0 a 6 anos, á súa familia e ao seu contorno, co obxectivo de dar resposta o antes posible ás necesidades transitorias ou permanentes que poden presentar os nenos e nenas con trastornos no desenvolvemento ou en risco de padecelos.
