Así, a Xunta de Galicia puxo en marcha axudas para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres en situación de violencia de xénero, coa finalidade de apoialas na súa integración ou reintegración no mercado laboral, como elemento clave para a súa recuperación integral.
Durante a presentación do Programa de Inserción Laboral dirixido a mulleres en situación de violencia de xénero da Asociación de Empresarios de Mos, o vicepresidente da Xunta destacou a relevancia social desta iniciativa, que é posible grazas á convocatoria dunha orde de axudas autonómicas pioneira.
Galicia foi a primeira comunidade autónoma de España en facer unha convocatoria de subvencións a entidades sen ánimo de lucro para o desenvolvemento de programas de inserción laboral dirixidos a mulleres vítimas de violencia de xénero.
Para estas axudas destinarase preto de 1 millón de euros entre 2016 e 2017 para apoiar ás mulleres vítimas da violencia de xénero na súa integración laboral. Esta convocatoria pioneira da Secretaría Xeral da Igualdade, foi publicada en maio e a finais de agosto coñeceuse a resolución, que outorgou as axudas a un total de 16 entidades de iniciativa social en Galicia, que teñen previsto atender 544 mulleres.
O programa da Asociación de Empresarios de Mos recibirá un total de 77.000 euros entre este ano e o vindeiro para promover a inserción laboral e atender a 42 mulleres.
https://www.youtube.com/watch?v=D782AOHNUig