O fútbol non se detén e onte viviuse unha nova eliminatoria da 56 edición da Copa do Sar. Tres equipos da comarca xogábanse a súa continuidade na competición ao disputar os cuartos de final, e tan só o Noia avanza na mesma. O CD Artes e o Xuventú Aguiño quedáronse fóra logo de perder nos seus duelos ante o Pindo e o Sigüeiro respectivamente.
O conxunto adestrado por Iván Carril desprazouse ata o Manuel Juncal para medirse ao Tordoia. Os bancos amosaron dende o comezo do choque a súa intención de levarse a vitoria e pasar de eliminatoria, algo que confirmaron á media hora de xogo co gol de Xabier Castiñeira, que poñía con vantaxe ao Noia. O dominio visitante continuaba e os noieses seguían xerando ocasións ata que no 39 Carlos Lugo non perdoou e bateu a portería do Tordoia para poñer o 0-2 no marcador, resultado co que se consumiron os primeiros 45 minutos. O Noia seguía dominando o esférico, pero non se acercaba con tanto perigo á área local. O encontro avanzaba e o Tordoia intentaba acurtar distancias para manterse vivo na competición e no 88 firmaba o 1-2. O Noia aguantou a súa vantaxe para superar ao Tordoia e plantarse nas semifinais da Copa do Sar.
O que non estará na seguinte fase da competición é o CD Artes, que caeu pola mínima ante a Sociedade Deportiva O Pino. As gradas do anexo da Fieiteira tinguíronse de verde para animar aos artistas, que tomaron o mando do encontro nos primeiros compases. Dominio que se veu materializado co primeiro gol do encontro que chegou no 24 e levou a firma de Gabriel Piñeiro. O paso por vestiarios mudou o encontro e no 54 o Pino igualou o luminoso. Os dous equipos disputábanse a vitoria pero os visitantes estiveron máis acertados e no 78 déronlle a volta ao marcador. No 81 o Artes quedouse cun menos pola expulsión por vermello directo a Bruno Rebelo e o marcador non volveu a moverse.
Tampouco puido avanzar na competición o Xuventú Aguiño, que se mediu na Tasca ao Sigüeiro, da Preferente. Os visitantes amosaron a súa superioridade ante un combativo Aguiño, polo que no 21 o Sigüeiro xa mandaba no encontro. Sen embargo o bo facer da defensa local impediu que ampliaran diferenzas antes do descanso. Na segunda metade o Sigüeiro creou máis ocasións e no 53 bateu por segunda vez a portería local. E o 0-3 subiu ao marcador no 70, aínda que sete minutos despois o Xuventú Aguiño conseguía acurtar diferenzas co gol de Juan Rial. Foi un espellismo xa que no 81 o Sigüeiro puxo o definitivo 1-4.
A seguinte cita desta Copa do Sar está prevista para o 2 de xuño coa disputa da ida das semifinais na que o Noia se medirá á Sociedade Deportiva O Pino.