Xornada positiva para os equipos da comarca que disputan o grupo Costa/Santiago da Primeira Galicia. O Puebla mantense en postos de promoción de ascenso logo de vencer nun igualado encontro ao Agolada. O Unión segue esperando o erro dos seus rivais para coarse na promoción e volveu a gañar, nesta ocasión ao Calo. A Esteirana non puido co Praíña pero o Valiño gañou ao Bertamiráns para seguir afastándose do descenso.
O Puebla mantén a pugna co Cordeiro polo segundo lugar tras vencer nun gran encontro ao Agolada. Os do Barbanza non saltaron ao verde da Alta cos cinco sentidos e antes de cumprirse o cuarto de hora de xogo o Agolada púxose por diante. Houbo que agardar ao 25 para ver a reacción local, que empatou o duelo grazas ao gol de Rubén Ferreiro. Os visitantes volveron a poñerse por diante no minuto 40, pero xusto antes do descanso Borja Outeiral puxo novamente as táboas no luminoso. Os dous equipos median o seu xogo na procura da vitoria e foi o Puebla o que soubo aproveitar a súa ocasión. No 74 Rubén Ferreiro deulle a volta ao marcador e a defensa dos pobrenses mantivo o 3-2 ata o asubío final. O Puebla mantense terceiro ao ter os mesmos puntos que o segundo, o Cordeiro, e segue a ter ao Unión pisándolle os talóns a tan só dous puntos por debaixo.
Os rianxeiros non levantan o pé do acelerador e acumulan sete triunfos seguidos, o último o de esta xornada ante o Calo. Os vermellos tomaron o mando cedo xa que no minuto 13 Xavier Collazo inaugurou o marcador para poñer o 1-0 que se mantería na primeira metade. Tres minutos despois de volver do descanso o Unión ampliou a súa vantaxe grazas ao tanto de Sergio Nieto e no 54 Manuel Quintáns pechou o encontro co 3-0. O Calo non atopou o camiño ao gol polo que o Unión suma tres puntos que o deixan no cuarto lugar a só dous da promoción de ascenso.
A Esteirana tropezou logo de dúas xornadas de vitorias. O Praíña foi superior ao conxunto muradán que se quedou a cero esta fin de semana. Os locais puxéronse por diante no 25 e xa no 33 a diferenza era de 2 tantos a cero. O descanso e os trocos non deron os resultados agardados para a Esteirana, que non puido superar a defensa do Praíña, que sentenciou o duelo no minuto 57 co definitivo 3-0. os de Muros pechan a xornada no undécimo lugar e a falta de catro xornadas contan con oito puntos de marxe co descenso.
E o Valiño vén de sumar o seu cuarto triunfo seguido. Os de Cabo de Cruz son décimo terceiros e teñen seis puntos de colchón coa zona perigosa a falta de 12 puntos por disputarse. Esta fin de semana tiveron que facer un gran exercicio de resiliencia para remontar o encontro e levarse o triunfo. Había algúns afeccionados buscando asento cando o Bertamiráns abriu o marcador. Foi no minuto 4, tanto que golpeou ao Valiño. Houbo que agardar ao minuto 37 para ver a reacción dos crucenses que chegou nas botas de Felipe Blanco para poñer o 1-1. A igualdade palpouse no segundo tempo, pero o Valiño non perdoou e no 82 Iván Costas bateu novamente a portería local para poñer o 1-2. Resultado final, triunfo traballado do Valiño que se pon a 6 do descenso.