Deportes

O NOIA FEMININO VENCEU AO ESCUELA AMISTADE E NON DEPENDE DE SI MESMO PARA LOGRAR A PERMANENCIA NA CATEGORÍA

As competicións están chegando ao seu final e os equipos xogan as súas últimas cartas para loitar por unha salvación que agora mesmo parece unha quimera. O Noia feminino vén de impoñerse a un rival directo: o Escuela Amistade. As noiesas sumaron tres importantes puntos pero para poder continuar na categoría terían que cumprirse varias cuestións: que as noiesas venceran os cinco encontros restantes e o Escuela Amistade non sumara ningún punto.

Na última xornada disputada as brancas impuxéronse ás de Valdoviño nun gran encontro. O conxunto adestardo por Carlos Lorenzo saltou ao anexo do Julio Mato coas ideas claras e no minuto 7 adiantáronse no marcador grazas ao gol de Bárbara Caamaño. 1-0 que se mantivo na primeira metade. As locais saíron con folgos tras o paso por vestiarios e pasada a hora de xogo Adriana Quintás non perdoou para facer o segundo tanto da tarde. Sen embargo no 70 o Amistade respondeu acurtando distancias. O dominio era noiés e se plasmou novamente cun tanto de Bárbara Caamaño que se convertía no 3-1. E ao fío do final, no 86 Adriana Quintás fixo o definitivo 4-1. Gran triunfo do Noia que segue a ser o pechacancelas da Primeira División Galega Arzúa-Ulloa e que ten a permanencia a 15 puntos, marcada polo seu rival, o Escuela Amistade. Este domingo as brancas afrontan un gran reto xa que visitan o campo do Orzán, segundo clasificado. Duelo que se disputará o domingo ás 16.00 horas no Torre N1.

Na Liga Nacional Xuvenil o Boiro tamén o ten complicado para pechar a súa permanencia. A anterior xornada non foi quen de superar ao Conxo polo que pechou a xornada no máis baixo da táboa e a 12 puntos do Bergantiños, equipo que marca o descenso.

O inicio do duelo ante o Conxo estivo igualado, aínda que o conxunto local foi o primeiro en adiantarse no minuto 24. Os boirenses volveron a equilibrar o marcador no 36 co gol de Mateo Sánchez. Sen embargo xusto antes de cumprirse o 45, o Conxo volveu a adiantarse. Os locais saltaron ao verde da Merced coa intención de anotarse a vitoria e no 73 ampliaron a súa vantaxe ata o 3-1. Lonxe de conformarse, no 81 volveron a bater a portería do Boiro, que reduciría distancias no 88 co tanto de Raúl Millán. Sen embargo no 91 o Conxo pechou o marcador co 5-2. A falta de 15 puntos por xogarse o Boiro ten a zona de salvación a 12, aínda que dependerá non só dos seus resultados, se non tamén dos dos seus rivais, especialmente o Bergantiños. Esta fin de semana teñen unha nova oportunidade de puntuar xa que se miden ao Lugo “b” en Vista Alegre, partido que se desenvolverá o sábado a partir das 16.00 horas.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.