O BERBERECHO DE NOIA CAEU DE FORMA CONTUNDENTE ANTE O CAMBRE

A derradeira xornada da Primeira División masculina de baloncesto deixou un severo correctivo para o Berberecho de Noia. Os amarelos visitaron a pista do CB Cambre, segundo clasificado do grupo e que amosou a súa superioridade para impoñerse por un contundente 72-38 aos noieses.
18042024 14 BERBERECHO NOIA
O conxunto adestrado por Ángel Castro non puideron apenas facer fronte ao xogo dos cambreses. O inicio do encontro foi para o equipo local que dominou o duelo grazas á súa superioridade física e ao despregue defensivo que realizaron a toda pista. Os amarelos víronse obrigados en xogar moi lonxe do aro e a gran defensa rival impediu que estiveran cómodos no parqué.

Ao final do primeiro cuarto o marcador reflectía un claro 19-8, diferenza que se ampliou ao 39-20 no segundo período. Conforme avanzaba o choque facíase máis latente a superioridade física do Cambre, isto unido á falta de rotación do Berberecho non fixo máis que incrementar a distancia entre os dous equipos ata o final, cando o marcador indicaba o 72-38 final.

Aínda quedan 5 xornadas desta segunda fase da competición, pero os noieses ao ter só 2 vitorias esgotaron as súas opcións de pelexar polo cuarto lugar, praza que dá dereito a xogar o playoff para optar ao ascenso de liga. O Berberecho afronta os duelos que restan coa meta de sumar o maior número de vitorias posibles. Nesta xornada os amarelos buscarán competir ante o Porriño, quinto clasificado que visita mañá o Alonso Rodríguez. O Noia sumará á rotación a Chico Barreiro, aínda que Miguel Gil é dúbida.

O duelo entre o Berberecho de Noia e o Porriño vivirase mañá a partir das 21.00 horas no Alonso Rodríguez.

Salir de la versión móvil