Deportes

GRUPO SANTA BAIA CAE POR UN PUNTO E PECHA XORNADA DA LIGA 3X3 EN SEXTO LUGAR

A Liga 3×3 Indoor avanza e esta fin de semana disputouse a oitava xornada. O Groinn Santa Baia e o resto de equipos que disputan esta competición desprazáronse ata Bilbao para volver a xogar. O pavillón de Ortuella acolleu os encontros desta sede. O Groinn Santa Baia amosou novamente un bo nivel no parqué, pechando a súa participación no sexto lugar.

Nesta ocasión os boirenses estaban enmarcados no grupo A polo que se viron as caras co Be Goat, Cisent Ontibasket e LP2k. Precisamente contra este último equipo debutaron en Ortuella, duelo complicado para os do Barbanza que caeron por 11-16. O segundo encontro foi ante un dos mellores equipos da competición, o Be Goat Team, que non deu apenas opcións ao Groinn Santa Baia. Sen embargo no último encontro que disputaron na tarde do sábado sumaron unha importante vitoria ante o Ontibasket por 21-14.

Con este triunfo os boirenses clasificáronse para disputar os cuartos de final onde se cruzaron co Andorra 3×3. Os galegos tan só estiveron por diante no marcador no primeiro punto de partido, aínda que o Andorra non colleu a suficiente vantaxe. O Groinn Santa Baia viuse detrás no marcador, pero non quería pechar a súa participación sen loitar polo que acurtou diferenzas ata o 17-16 e dispuxo do último tiro para levarse o encontro, lanzamento que non quixo entrar. Polo que os boirenses pecharon a oitava xornada no sexto lugar. Nesta ocasión, o vencedores foi LP2K Woka on Three.

Agora faltan tan só dúas xornadas por disputarse e os de Boiro chegan á parte final da competición no sétimo lugar da xeral.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.