A VITORIA ATRAGÓASELLE AO BERBERECHO DE NOIA

O Berberecho de Noia segue sen coñecer a vitoria na casa na segunda fase da Primeira División masculina xa que suma catro derrotas no seu feudo. Os amarelos medíronse o pasado sábado ao Costa Átabra, rival que se levou o triunfo do Alonso Rodríguez logo de impoñerse por 56-65 nun encontro dominado na súa meirande parte polos locais e que se lles escapou no último cuarto.
11042024 13 BALONCESTO NOIA
Os noieses comezaron o duelo cun bo xogo sobre o parqué o que lles serviu para coller as primeiras vantaxes xa que os xogadores estaban acertados en ataque e despregaron unha boa defensa. O que lles axudou a pechar o primeiro cuarto co 17-7 favorable.

Os ferroláns despertaron no segundo acto e aumentaron o seu nivel defensivo ao apostar por unha presión alta a toda pista. O intercambio de canastras protagonizou este período aínda que o Berberecho seguía mandando no marcador co 34-26 co que se chegou ao descanso.

De novo na pista os visitantes intentaron sorprender ao Noia cunha defensa zona 1-3-1, e obtiveron o obxectivo marcado. Os amarelos deixaron de despregar un xogo fluído en ataque, sen embargo a defensa dos locais tamén deu os seus froitos polo que se consumiron os 10 minutos co 43-35 no marcador.

Os ferroláns cambiaron novamente a súa defensa a unha presión individual que deu os seus efectos. O cansazo apareceu no conxunto local, isto sumado ao alto nivel defensivo do Costa Ártabra desencadeou numerosas perdas dos noieses, que se convertían en rápidos contraataques rivais. O conxunto ferrolán fíxose co mando do partido e deulle a volta ao marcador para acabar vencendo por 56-65.

O Berberecho rematou a xornada no sétimo lugar ao contar cun balance de 2 vitorias e 6 derrotas polo que se afasta do cuarto lugar que está a tres vitorias. Este domingo os amarelos visitan a pista do Baloncesto Cambre, o segundo clasificado, encontro que se disputará ás 19.00 horas.

Salir de la versión móvil