Deportes

CABO DA CRUZ E PUEBLA COLLEN A DIANTEIRA NAS ÚLTIMAS PROBAS DA LIGA NORTE DE BATEIS

O remo da comarca segue pisando o máis alto do podio. Estase a desenvolver a Liga norte de bateis na que o vermello do Club de Remo Cabo da Cruz e o verde do Club Remo Puebla están tomando protagonismo. Esta fin de semana os dous clubs se repartiron as bandeiras que había en xogo: a da regata de Esteiro e a da Puebla que se disputou onte.

A primeira parada desta dobre xornada foi no municipio muradán de Esteiro onde o dominio barbanzán estivo moi presente. Puebla fíxose coa bandeira masculina logo de vencer nas probas das categorías alevín, infantil e cadete, e de ser terceiro en xuvenil, sub23 e absoluto. Mentres que Cabo de Cruz liderou o apartado feminino logo de facer o mellor tempo en alevín, infantil, cadete e xuvenil. En sub23 foron segundas por detrás de Rianxo e na absoluta terceiras, categoría liderada por Mugardos e con Puebla segunda.

E onte foi a quenda da V Bandeira Concello da Pobra onde o guión foi case o mesmo. Cabo da Cruz quedouse a unha proba de facer pleno no apartado feminino. As remeiras vermellas ondearon a bandeira logo de ser primeiras en alevin, infantil, cadete, xuvenil e absoluta, só Rianxo puido superalas na sub23.

E no apartado masculino a vitoria quedou na casa. O Puebla foi o mellor en alevín, infantil e xuvenil, mentres que en cadete quedou no terceiro lugar, proba dominada por Cabo e Mugardos. A sub23 levárona os remeiros de Rianxo por diante de Ribeira e dos pobrenses. Mentres que a absoluta tinguise de vermello crucense.

Agora os equipos afrontan a parte final da temporada coa última regata que se vivirá a vindeira fin de semana. O sábado Areas acollerá a derradeira proba da zona norte e os dous mellores equipos de cada categoría remarán o domingo en Meira na final contra os barcos da zona sur. Logo será a quenda do provincial, do galego e do nacional que se vivirán en augas da Pobra do Caramiñal.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.