Deputación Da Coruña

O PLENO DA DEPUTACIÓN DA CORUÑA APROBA O PRIMEIRO PLAN ESTRATÉXICO DE ESTRADAS CON INVESTIMENTO DE 210 MILLÓNS DE EUROS ATA 2029

Cos votos favorables do PSOE, o BNG e Alternativa dos Veciños e a abstención do Partido Popular, o pleno da Deputación da Coruña aprobou no día de hoxe o primeiro Plan Estratéxico de estradas da institución provincial. Un instrumento que o presidente Valentín González Formoso tildou de pioneiro, ademáis de asegurar que está destinado a ser a folla de ruta sobre a que planificar, mellorar e modernizar a xestión da rede de estradas da Deputación. Rede conformada por un total de 421 vías con máis de 2.000 kilómetros de lonxitude pola que pasan cada día máis de 400.000 vehículos.

Entre os principais obxectivos figuran incrementar a seguridade de vehículos e peóns, racionalizar a rede viaria provincial, mellorar a conservación e o nivel de servizo das vías provinciais, apoiar o desenvolvemento do rural, mellorar a infraestrutura para o transporte público e incorporar as novas tecnoloxías á xestión da rede viaria.

A mellora da seguridade levarase a cabo con actuacións como a creación de itinerarios peonís seguros, a ampliación e mellora do trazado das vías, adecuándoas aos niveis de tráfico real que rexistran, melloras no plan de conservación e reducción nos tempos de tramitación e execución das obras.
En canto á racionalización o plan contempla cesións aos concellos de certas rúas que en moitos casos non superan o kilómetro de distancia. E negociacións tamén coa Xunta para outras como as que conectan vías autonómicas ou enlazan con outras provinciais.
Ademáis das melloras na rede viaria, o Plan Estratéxico de Estradas incide na necesidade de potenciar a transformación dixital coa implantación da metodoloxía BIM. E tamén mellorar a planificación e a xestión diaria e a coordinación das obras con intelixencia artificial, Big Data e xemelgo dixital, unha réplica virtual da estrada.
Para todas esta actuacións, a Deputación contará cun investimento de 210,5 millóns de euros nun marco temporal de 5 anos.

Related Posts

Load More Posts Loading...No more posts.